O Arxil inicia a pretemporada. As verdes volveron este xoves ao traballo no CGTD para iniciar unha pretemporada que durará catro semanas para comezar o 1 de outubro a liga en plena forma.
Á fronte do equipo está, unha tempada máis, Maite Méndez que contará ao longo do curso coa colaboración dos seus axudantes Magín Méndez, Marita Janeiro e Milagros Sanmartin. A primeira sesión serviu para comprobar o estado físico das xogadoras e o traballo, nestas primeiras semanas de adestramento, centrarase principalmente en aspectos físicos, deixando a táctica para días posteriores.
"Imos tentar realizar o traballo o máis esixente posible dentro das posibilidades que temos para adestrar", explicou o directivo Lino Vázquez que xestiona coas institucións locais a dispoñibilidade de novas instalacións de adestramento para ampliar as horas de traballo.
O obxectivo do Arxil pasa por repetir o da tempada pasada, na que quedaron ás portas do ascenso despois dun disputado playoff.
A adestradora conta desde o primeiro día con todo o persoal. A única ausencia na primesa sesión foi a de Andrea que ten previsto incoporarse este venres á rutina de adestramentos.
Carla e Lago traballaron á marxe para recuperarse das súas doenzas. Cristina, Margarita, Nerea, Aldara, Mirian e Foster, xunto coas novas incorporacións Meniña, Carolina e Carmen traballaron ás ordes de Maite Méndez.
O primeiro test de pretemporada será en Gaia o vindeiro sábado 10 de setembro ante o Gdessa de liga feminina portuguesa.