O Club Baloncesto Arxil disputou este sábado no CGTD o último partido antes das vacacións de Nadal, sumando un novo triunfo que se decantou grazas a un impecable terceiro cuarto.
O choque comezou con total igualdade, aínda que eran as pontevedresas as que tomaban a dianteira no luminoso para facerse coas primeiras rendas que enseguida eran neutralizadas polo Maristas Coruña, chegando ao final do primeiro cuarto cun resultado de 26-22.
O segundo seguiu a tónica do primeiro, polo menos nos instantes iniciais, ata que o Arxil reaccionou en tarefas defensivas e mellorou o seu acerto de fronte ao aro para poñer terra polo medio e conseguir unha vantaxe de 10 puntos, a maior ata o momento, cando aínda quedaban 5 minutos para chegar ao descanso. Pero neses instantes as coruñesas empregáronse a fondo e recortaron distancias en ata seis puntos, ata que no último segundo apareceu Nerea Liste para asinar unha canastra que serviu para inspirar ás súas compañeiras de fronte ao terceiro cuarto (45-37).
Tras o intermedio, o Arxil foi un auténtico furacán liderado pola ofensiva de Catalina Ribeiro (22 puntos) e Trajchevska (18 puntos), e os rebotes atallados por Forster (11) e Nerea Liste (9), cedendo tan só seis puntos ao seu rival fronte aos 22 que anotaban as xogadoras verdes, situando o marcador nun case definitivo 67-43.
Iniciáronse os dez últimos minutos e as de Mayte Méndez só tiveron que manter a vantaxe conseguida ata o momento para facerse cunha importante vitoria por 88-57 que as mantén na quinta praza da clasificación, empatadas co Almería e a tan só dous puntos do líder Tirso Intercentro.
Consulta as estatísticas do partido nesta ligazón