O Arxil reármase tras as dúas semanas "máis intensas" da súa historia

Pontevedra
09 de maio 2024

O club pontevedrés, aínda afectado pola dolorosa perda da súa adestradora Maite Méndez, comezou a planificar a próxima tempada co obxectivo de pelexar de novo por entrar na fase de ascenso á Liga Feminina Challenge

Partido de fase de ascenso entre CB Arxil e Mipelletymas BF León
Partido de fase de ascenso entre CB Arxil e Mipelletymas BF León / Dani Marzo / FEB

Foron as dúas semanas "máis intensas na historia do Arxil", recoñece desde a directiva arxilista Lino Vázquez, nun club aínda en shock pola perda da súa adestradora, Maite Méndez.

A pesar dos difíciles momentos, e lembrando a Maite, "aquí ninguén se rende", aseguran desde a entidade mirando xa cara á próxima tempada.

De feito o Arxil comezou a planficicar o curso que vén, no que volverá competir na Liga Feminina 2 e no que se marca como obxectivo volver pelexar por entrar na fase de ascenso, tras rozar o salto este ano á Liga Feminina Challenge.

Para iso, avanzan desde a entidade pontevedresa, a aposta será pola continuidade tanto no que respecta ao plantel como ao corpo técnico na medida do posible, xa que nalgún caso será complicado de conseguir.

Unha vez aclarado o futuro co corpo técnico, que na fase de ascenso encabezou Marita Janeiro, e as xogadoras actuais "en función das baixas buscaranse fichaxes e daráselle importancia ao plantel do Arxil Mafari Café que callou un gran final de tempada e queremos que sexan parte importante no novo Arxil", explicou Lino Vázquez.

A entidade deportiva centra tamén os seus esforzos máis inmediatos na organización do Campionato de España Infantil Feminino que se celebrará en xuño en Pontevedra, ademais de en o tradicional campus de verán para a base, citas importantes coas que, xunto ás cantidades debidas polas institucións, "poder empezar a saír do pozo".