O Arxil prepara o seu debut en Copa Galicia sen as súas dúas fichaxes estrela

Pontevedra
06 de setembro 2016

Está previsto que Minata Keita chegue a Pontevedra este mércores, polo que podería gozar de minutos no primeiro choque da pretempada, o venres 9 de setembro ante o Cortegada. Waleska Pérez pola súa banda está á espera de recibir o visado para saír do seu país natal, Venezuela

Adestramento do Arxil 2015/2016
Adestramento do Arxil 2015/2016 / Diego Torrado

O primeiro plantel do Arxil traballa estes días coa mente posta no que será o seu primeiro partido de pretempada, o debut na Copa Galicia de balonceto feminino ante o Cortegada de Vilagarcía, un partido que se xogará este venres á as 20:15 horas no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

Mayte Méndez non pode contar polo momento coas súas dúas fichaxes estrela, que non se incorporaron aínda ao traballo de grupo.

Con todo está previsto que a pivote malí Minata Keita chegue a Pontevedra este mesmo mércores, día no que xa adestrará co equipo, polo que podería dispoñer de minutos no choque de Copa Galicia.

Máis problemas está a ter a venezolana Waleska Pérez, que se atopa en Caracas á espera de que se lle outorgue o visado para viaxar a España.

No club pontevedrés esperan que os trámites se desbloqueen esta semana para que a base poida sumarse á pretempada arxilista durante a próxima semana.