O Arxil traballa xa a pleno rendemento para preparar a nova tempada. E para chegar no mellor estado de forma posible ao comezo de liga, as verdes teñen preparada unha pretemporada con, polo menos, catro partidos.
Maite Méndez traballa desde o 1 de setembro con todo o plantel e a primeira proba está prevista para este sábado 10 de setembro na localidade portuguesa de Gaia fronte ao Gedesa a partir das 15 horas, hora local.
A presentación oficial do equipo terá lugar o 14 de setembro, no único encontro preparatorio que as verdes disputarán na súa cancha do CGTD. Será o primeiro choque de Copa Galicia contra o Mariscos Antón ás 20 horas. Catro días máis tarde viaxarán á Coruña para enfrontarse ao Maristas no segundo duelo de Copa Galicia.
En caso de clasificarse, enfrontaranse a un rival galego de superior categoría en Ferrol o día 23 de setembro. O seu rival sería o Celta ou o Universitario de Ferrol.
A pretemporada pecharaa o Arxil coa disputa do Memorial Araceli Oubiña o día 25 de setembro en Cambados contra o Cortegada.