O Arxil pecha o seu plantel coa fichaxe da ala pívot Carmen Ortiz. A malagueña procede do Celta U de Primeira Nacional, pero ten unha ampla traxectoria en diversos equipos de Liga Feminina 2.
Aos seus 26 anos e con 184 centímetros de altura, Ortiz destaca pola súa intensidade e fortaleza na zona. Nas últimas tempadas afai a promediar uns 4,5 puntos por partido e ao redor de cinco rebotes.
Comezou a súa carreira formándose no CB El Palo de Málaga para debutar logo en Primeira Nacional co CB Andersen-EBG Guindos. Logo, na Universidade de Alacante compaxinou o baloncesto cos seus estudos de Bioloxía, xogando con BF San Blas tamén en Primeira Nacional.
O salto á liga Feminina 2 deuno da man da Agrupación Deportiva Baloncesto Avilés (ADBA). Unha tempada despois fichou pola Universidade de Oviedo e dúas campañas despois puxo rumbo ao CB Alhaurín de la Torre tamén na categoría de prata do balonmán nacional. Antes de poñer rumbo a Vigo para estudar un máster e seguir coa súa carreira deportiva, Ortiz defendeu as cores do Almería.
A dirección deportiva do Arxil destaca dela que se trata dunha "xogadora moi sólida que non foxe do contacto e que achegará forza no xogo interior, agresividade no un contra un e rebotes". Ademais, se é necesario ten capacidade tamén para o xogo exterior.
A nova incorporación terá tamén ficha co filial de Primeira Nacional, polo que, como Aldara Vázquez, alternará as súas aparicións en ambos os conxuntos.