Non lles foi ben ás do Arxil na súa primeira xornada de liga contra o Mataró Parc Boet, a pesar de loitar durante os dous últimos cuartos. Con todo, para as catalás supuxo a entrada na liga Feminina 2 pola porta grande, demostrando que a categoría non lles vén grande.
Parecía estar todo perdido durante os dous primeiros parciais do encontro. Comezaron as de Mayte Méndez moi descoordinadas na pista, tanto nas accións defensivas, como nas ofensivas, nas que as pontevedresas mostraron serios problemas de puntería. Isto, sumado á firmeza do bloque visitante desde o primeiro minuto de xogo, ocasionoulles problemas ás locais para sumar no marcador.
A desesperación da bancada foi notable a medida que avanzaban os minutos do primeiro cuarto, xa que non foi ata o minuto 7 de xogo, e tras varios intentos errados, que María Lago conseguiu anotar os dous primeiros puntos, o que as colocaba a 9 das catalás (2-11). Esta foi a dinámica que se repetiu durante a primeira metade do partido. Varios erros nas accións ofensivas e o inestable bloque defensivo local, levou ás do Arxil ao primeiro descanso entre cuartos cun frío 5-18 no marcador.
E non foron diferentes os 10 minutos seguintes, nos que chegaron a estar 25 puntos por baixo das visitantes (9-34 no minuto 4 do segundo cuarto), que non deixaron de encestar. Con todo, a falta de tres minutos para a visita aos vestiarios, as pontevedresas deron un pequeno salto e comezaron a ser máis agresivas nos ataques, conseguindo irse ao descanso cun resultado de 14-36.
Á volta, a pesar de que lles custou cambiar a tónica do partido, conseguiron meterse de cheo e comezar a recortar distancia coas catalás, ás que cada vez lles custaba máis chegar ao aro. O mellor xogo das locais, sumado aos erros que empezaron a cometer as de Mataró, que estiveron sen marcar durante o últimos cinco minutos do terceiro parcial, logrou reflectir no marcador un xiro no xogo e no ambiente do Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Foi nese momento cando a bancada comezou a animar ás pupilas de Méndez, que se foron ao parcial final cun 32-47.
Igual de intensos foron os últimos minutos para as locais, nos que a estadounidense Janea Williams, recente fichaxe do Arxil, iluminou aos pontevedreses coa esperanza de alcanzar ás visitantes no luminoso. Tamén María Lago e Cristina Díaz- Pache sumaron varios puntos no último parcial. Con todo, a pesar dos esforzos dun equipo moito máis serio e afianzado, as pontevedresas quedaron a once puntos da vitoria en casa (53-64).
Consulta as estatísticas do partido entre o Arxil e o Mataró.