O Arxil inicia o ano con derrota contra o Unibasket Logroño (70-57)

Pontevedra
08 de xaneiro 2023

O Club Baloncesto Arxil empezou con mal pé o novo ano, caendo en Logroño contra o Unibasket por 70-57 pese ao bo acerto de Carolina Ribeiro, que anotou 19 puntos, e de Margarita Moreira, con 12  

Partido entre CB Arxil e Unicaja no CTGD
Partido entre CB Arxil e Unicaja no CTGD / Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil empezou con mal pé o novo ano, caendo en Logroño contra o Unibasket por 70-57 pese ao bo acerto de Carolina Ribeiro, que anotou 19 puntos, e de Margarita Moreira, con 12.

Entraron os dous equipos moi enchufados ao encontro en tarefas ofensivas, asinando un primeiro cuarto do todo igualado que concluíu cun resultado de 20-24 a favor do Arxil.

O Unibasket Logroño púxose ao choio a partir dese momento en tarefas defensivas, dificultando os lanzamentos das pontevedresas, e castigándoas sobre todo desde a liña de tres puntos para dar a volta ao marcador (39-32).

Tentaron as xogadoras de Mayte Méndez reverter a situación despois do intermedio e apertaron o resultado deixando todo por decidir no último cuarto (52-48), onde todo cambiou.

O Arxil colocouse a dous puntos cunha canastra de Forster nada máis comezar, pero nun visto e non visto as verdes desapareceron completamente. Non entraba nada e os nervios empezaron a facer efecto, sobre todo cando as locais ampliaban a súa vantaxe en 10 puntos cando se alcanzaba o ecuador. Tentou reverter a situación a adestradora pontevedresa parando o tempo pero de nada serviu, o balón non quería entrar na canastra dun Unibasket Logroño que levou o triunfo por 70-57.

Consulta as estatísticas nesta ligazón