O Club Baloncesto Arxil xa iniciou a conta atrás para a volta ao traballo, fixada para o luns 2 de setembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Ese mesmo día efectuaranse as probas médicas e físicas, ademais do primeiro adestramento grupal coas xogadoras do primeiro equipo que estean dispoñibles, as canteirás e as vinculadas ao equipo de Primeira Nacional.
Este ano, ademais, o conxunto pontevedrés celebra o 40 aniversario do club, polo que para conmemorar esta data, programou catro partidos amigables, un deles o xoves 12 de setembro contra o Baxi Ferrol e outro ante o San Joannense portugués, que este ano competirá en Europa. Ambos os enfrontamentos serán no Pavillón Municipal ás 20:30 horas.
O Arxil tamén ten prevista a disputa da Copa Galicia e dous partidos ante un mesmo rival de Liga Endesa que anunciarán en breve. Este último encontro será os días 21 e 22 de setembro no CGTD.
Pola súa banda, as xogadoras de Primeira Nacional arrincarán os adestramentos o día 2, mentres que o Arxil júnior, cadete A e cadete B volverán á pista este luns 26 de agosto.