O Arxil despide a liga regular na casa coa mente posta no playoff de ascenso

Pontevedra
08 de abril 2022

As verdes enfróntanse este sábado a partir das 19 horas na cancha do CGTD ao Adareva co segundo posto da clasificación en xogo

Partido de Liga Feminina 2 entre CB Arxil e Unicaja
Partido de Liga Feminina 2 entre CB Arxil e Unicaja / Cristina Saiz

O Arxil recibe este sábado ás 19 horas na cancha do CGTD ao Adareva nun encontro en está en xogo terminar a tempada regular en segunda posición. En calquera caso, a mente das pontevedresas estará en Melilla, cidade na que dentro de quince días comezará a disputa do playoff de ascenso.

As de Maite Méndez asinaron este ano una das mellores tempadas que se lembran na Boa Vila. Durante todo o curso permaneceron entre os tres primeiros da clasificación e, se vencen ás tinerfeñas, asinarían a súa mellor campaña da historia con 20 vitorias e só 6 derrotas.

Para chegar en óptimas condicións ao playoff, Méndez non arriscará e repartirá minutos entre todas as xogadoras do plantel, entre as que non estará Cristina Díaz-Pache, que aínda non está completamente recuperada da súa lesión e no club prefiren non arriscar para que chegue no mellor estado posible á fase de ascenso.

Nunha situación similar chegará a Pontevedra o Adareva. Asentadas na segunda praza e cuns números calcados aos do Arxil. Ademais fóra da súa casa só cedeu tres derrotas en toda a tempada.