O Arxil cae contra o Adareva e finaliza terceiro a liga regular (69-75)

Pontevedra
09 de abril 2022

O Club Baloncesto Arxil xogouse este sábado no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o segundo posto contra o Adareva Tenerife nun partido no que Mayte Méndez optou polas rotacións e por dar minutos ás menos habituais, que mostraron moi bo nivel en todo momento pero apagáronse no cuarto acto, momento que aproveitaron as tinerfeñas para gañar por un axustado 69-75

Partido de Liga Feminina 2 entre CB Arxil e Adareva
Partido de Liga Feminina 2 entre CB Arxil e Adareva / Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil xa leva varias semanas coa mente posta na fase polo ascenso, pero este sábado xogábase no Centro Galego de Tecnificación Deportiva o segundo posto contra o Adareva Tenerife.

Mayte Méndez optou nesta ocasión polas rotacións e por dar minutos ás menos habituais, que mostraron moi bo nivel en todo momento pero apagáronse no cuarto acto, momento que aproveitaron as tinerfeñas para gañar por un axustado 69-75.

Foi un partido do todo igualado no que o protagonismo recaeu nunha Forster moi activa á hora de recoller os rebotes (13 en total) e en ataque, sendo a mellor do Arxil con 16 puntos. Destacou tamén Ruth Adams con 14 puntos e Buzadzin con 11.

Mantivo a súa boa tendencia de fronte ao aro o cadro pontevedrés ao comezo do envite, manténdose por diante no marcador en todo momento e mesmo logrando unha renda máxima de sete puntos no ecuador do segundo cuarto que se converteu en seis cando se alcanzou o descanso (33-27).

E despois de dous bos cuartos, chegou o peor momento do Arxil, que baixou o ritmo para ceder nos últimos e decisivos cuartos. Aínda que o terceiro non foi do todo malo e permitiuse seguir mandando no luminoso (56-52), os últimos 10 minutos foron os peores sen ningunha dúbida tanto en ataque como en defensa e terminaron cedendo por un 69-75 que as deixa na terceira posición da táboa.

Xa finalizada a liga regular con moi bos números, agora o cadro pontevedrés xogarase a fase de ascenso en Melilla, concretamente no pavillón Guillermo García Prezzi do 21 ao 24 de abril.

Consulta as estatísticas do CB Arxil- Adareva Tenerife