O Arxil asegura a columna vertebral do equipo coa renovación de María Centeno

Pontevedra
04 de xullo 2016

Coa viguesa son xa cinco as xogadoras confirmadas para a próxima tempada. María Centeno cumprirá así a súa cuarta tempada no equipo pontevedrés

Acción de ataque de María González Centeno no partido entre Arxil e Universidad de Valladolid
Acción de ataque de María González Centeno no partido entre Arxil e Universidad de Valladolid / Diego Torrado

O obxectivo do Arxil este verán pasaba por renovar a boa parte do seu plantel, e a contagotas vai cumprindo o obxectivo. Polo momento asegurou xa a continuidade da columna vertebral do equipo tras o acordo de renovación con María Centeno.

A xogadora viguesa foi a última en aceptar a proposta da directiva pontevedresa e cumprirá así a súa cuarta campaña no conxunto verde.

Centeno chegou ao Arxil en 2013 procedente do Celta de Vigo e ano a ano foi gañando peso no equipo.

Con ela son xa cinco as xogadoras confirmadas para a próxima tempada na Liga Feminina 2 xunto a Carla Fernández, María Lago, Ana Román e a venezolana Waleska Pérez, primeira fichaxe do equipo.

En materia de reforzos a directiva arxilista traballa na incorporación dunha pívot que reforce o xogo interior, asumindo o rol que a pasada campaña desempeñou Yanique Gordon.