O Arxil afronta a recta final da pretempada

Pontevedra
23 de setembro 2016

O equipo pontevedrés, xa con todo o seu plantel tras a incorporación de Waleska Pérez, afrontará nos próximos días os seus dous últimos encontros amigables antes do debut ligueiro do venres 30 ante o Cortegada

Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada
Mayte Méndez, nun partido de Copa Galicia entre Arxil e Cortegada / Mónica Patxot

O Club Baloncesto Arxil conta as horas para o debut ligueiro do próximo venres 30 ante o Cortegada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva, apurando na preparación da que será unha nova tempada na Liga Feminina 2.

O cadro pontevedrés ten fixados dous partidos amigables nos próximos días para realizar os últimos axustes no sistema de xogo.

Por primeira vez poderá ademais competir con todo o seu plantel, ou case, tras a incorporación da venezolana Waleska Pérez. Só falta agora que se recupere Ana Matín, lesionada nunha man, para que Mayte Méndez poida dispoñer de todas as súas xogadoras.

O primeiro dos partidos de preparación que afrontarán as verdes xogarase este sábado 24 de setembro en Santiago (12:00 horas) ante o Rosalía Pío XII de Primeira Nacional. Xa o martes, pechará a pretempada cun duelo ante un dos rivais ligueiros, o Celta, no CGTD de Pontevedra (20:30 horas).