Non dependen de si mesmas, pero no Club Baloncesto Arxil non tiran a toalla. O pase para a fase de ascenso á liga Challenger repártese este sábado e para logralo as pontevedresas terán que gañar o seu partido en Pontevedra e esperar ao que ocorra co Unicaja.
As de Mayte Méndez recibirán no pavillón do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, ás sete da tarde, ao Bosinit Unibasket. Non será un encontro fácil xa que as de Logroño son as sextas clasificadas da liga, cunha vitoria menos que as arxilistas.
Desde o club sosteñen que será clave "igualar ou polo menos restar o balance reboteador" das rioxanas, ás que ven un "punto de vulnerabilidade" no seu xogo en estático que queren explotar porque "é case imposible" atopar esa debilidade no ataque de transición.
"Se logramos sentirnos cómodos atrás e atacamos mellor poderemos mellorar as porcentaxes de tiro nos que nos dous últimos partidos non estivemos atinadas", engade o seu director técnico.
Entende que fronte ao Bonisit Unibasket "toca facelo case todo ben", para o que confía que todo o plantel "dea un paso adiante" e todas elas tiren de "actitude e de ganas", arroupándose para iso na afección que encherá as bancadas do CGTD.
Se o Arxil cumpre en casa quedará a segunda parte da ecuación para clasificarse para o playoff de ascenso á máxima categoría do baloncesto feminino. O Unicaja, cuarto clasificado, ten que perder ante o Barakaldo. De cumprirse ambos os resultados, haberá marxe para soñar.