O Arosa visita o Langreo coa necesidade de gañar "para cambiar un pouco a tendencia"

O Salnés
25 de marzo 2022

O cadro arlequinado, que encadea cinco xornadas sen gañar e caeu a postos de descenso, mídese ao rival que marca precisamente a zona de salvación a só tres puntos de distancia. Jorge Otero non poderá contar con Alberto Martín debido a unha lesión muscular

Jorge Otero, no partido entre Arosa e Real Avilés na Lomba
Jorge Otero, no partido entre Arosa e Real Avilés na Lomba / Cristina Saiz

Despois de cinco xornadas consecutivas sen gañar que lle fixeron caer aos postos de descenso, o Arosa viaxa a Asturias para tentar reivindicarse.

"Nada está decidido, defende o técnico arlequinado, Jorge Otero, antes de enfrontarse a domicilio ao Langreo (domingo, 17.00 horas), equipo que precisamente marca actualmente a zona de salvación a tres puntos de distancia.

"Necesitamos a vitoria para cambiar un pouco a tendencia", recoñece o técnico asegurando que "non estamos a ser o equipo que en moitos momentos da tempada fomos". 

Por ese motivo, máis que nun rival que "na súa casa está a ter un rendemento extraordinario", Otero incide en "pensar máis en nós, está a custarnos ser fortes defensivamente e chegar con máis claridade, coma se nos estivese pesando a responsabilidade", analiza.

Para este importante partido o Arosa non poderá contar con Alberto Martín, ao que se lle detectou unha pequena rotura fibrilar na zona do isquiotibial e que estará polo menos tres semanas de baixa.

O colexiado do encontro será o cántabro Alberto Aranda Bujedo.