Os movementos na confección do persoal para a próxima tempada non cesan no Arousa. O centrocampista chegado no mercado invernal procedente do Compostela, José Ramón Viven, máis coñecido como Mon, amplía o seu vínculo co conxunto arousán un ano máis. Con todo, o que non estará na seguinte campaña ás ordes de Rafa Sáez é Carlos Pacheco.
"Toda a directiva e o club quere agradecer a Pacheco a súa implicación en todas as tempadas que estivo connosco defendendo a camiseta arlequinada xa que debido á incompatibilidade coa súa vida laboral non pode aceptar a nosa proposta de renovación", recolle o comunicado emitido polo club no que tamén destacan "a súa alegría, compañeirismo e vitalidade que deixan unha grandísima pegada no vestiario" e deséxanlle "a maior das sortes na súa nova etapa deportiva e na súa vida persoal".
Pacheco foi unha peza importante na liña defensiva de Rafa Sáez. Disputou 16 partidos e en dez deles completou os noventa minutos. Ademais tamén foi titular no partido de play- off de ascenso no que os de Vilagarcía caeron eliminados a mans do Ourense.
Si que volverá tentar dar o salto de categoría xunto ao resto dos seus compañeiros do Arousa, Mon. Pola suspensión da competición debido á pandemia do coronavirus, o centrocampista só puido participar en seis partidos. Chegou ao club da Lomba en febreiro e participou en seis partidos nos que completou os noventa minutos en catro deles. Tamén foi titular na eliminación do equipo diante do Ourense CF na fase de ascenso.