O Arosa remonta un gol temperán do As Pontes e acaba goleando (3-1)

O Salnés
09 de febreiro 2020

 Despois da vitoria da xornada pasada ante o Estradense, os de Rafa Sáez volveron ao Municipal de Vilaxoán para sumar tres valiosos puntos que o manteñen en terceira posición

Partido entre o Somozas e o Arosa
Partido entre o Somozas e o Arosa

Continúa a boa serie do Arosa esta tempada. Despois da vitoria da xornada pasada ante o Estradense, os de Rafa Sáez volveron ao Municipal de Vilaxoán para sumar tres valiosos puntos que o manteñen en terceira posición.

En canto ao partido desta fin de semana, o Arosa recibiu a un As Pontes que empezou adiantándose cun gol no minuto 6 de xogo por parte Rubén Pardo.

Despois do tanto, os locais comezaron a tomar as rendas do encontro en busca dun empate que tardou en chegar. Tentouno Pedro García no minuto 17 cun disparo a media distancia pero saíu desviado a córner, e aos tres minutos, Mon probou desde o frontal pero o esférico foise lixeiramente alto.

O Arosa seguía dominando, e no minuto 25 chegou a igualada. O recentemente chegado, Catú, rematou dentro da área un centro raso desde a dereita e enviou o balón ás mallas da portería defendida por Javi Liz, para dar paso a vinte minutos igualados e sen claras ocasións para ningún dos dous conxuntos.

Despois do paso polo vestiario e co 1-1 no luminoso, os de Vilagarcía seguían en busca do gol que os puxese por diante por primeira vez no encontro e así encarrilar a vitoria que lles permitise manterse nos postos de play off.

O 2-1 chegou no minuto 57. Joel Sanabria cabeceou ao pau contrario un centro de Javi Fontán e enviou o balón á rede. Dous minutos despois o Arosa puido deixar o partido encarrilado pero o disparo de Rober a porta baleira estrelouse no pau.

A partir de aí chegaron os cambios. Un deles foi o de Javi Otero por Jorge Sáez, que nada máis entrar realizou unha boa xogada pero o tiro foise demasiado cruzado.

Cos locais envorcados en ataque e o As Pontes sen poñer en perigo a Manu Táboas, chegou o cuarto gol do encontro. De novo Catú volvía ser protagonista cun gol no minuto 79. O central rematou ao segundo pau unha falta botada por Rober e puxo o 3-1 no electrónico e deixar sentenciado o encontro.

Consulta a acta do partido Arosa-As Pontes na seguinte ligazón.