Punto e final para o Arosa no seu soño polo ascenso despois de disputar un encontro moi igualado no estadio Municipal de Balaídos ante o Ourense. Ambos os equipos sabían que se xogaban moito e así o demostraron durante os primeiros minutos de encontro, que se viviron con moita intensidade.
O Arosa tentaba buscar a Pedro Beda, pero a presión alta do rival impedía aos de Rafa Sáez conectar co seu dianteiro, mentres que o Ourense anticipábase ás xogadas e conseguía manter ao rival lonxe da súa área.
Cando se cumpriu o primeiro cuarto de hora do partido chegou o gol do Ourense. Un pase filtrado de Zanelli entre a defensa do Arosa, que quedou inmóbil por posible fóra de xogo do rival, recolleuno Lamelas para tranformarlo no 1-0 e adiantar ao equipo ourensán.
Co marcador en contra, o Arosa saíu a por todas e logrou un par de boas ocasións. A primeira, anulada por fóra de xogo, e a segunda, mediante unha falta frontal botada por Mon que obrigou a intervir a Parra, que despexou a un lateral cedendo outra oportunidade para que Pacheco rematase de cabeza sen fortuna.
A pausa de hidratación veu ben ao Arosa, que poucos minutos antes cambiara a formulación e buscar as bandas. Pola dereita chegou o perigo. Un saque de banda rápido de Adrián chegou á área do Ourense. Rober deu o pase atrás a Jorge Sáez, pero o seu disaparo volveu atoparse con Parra.
Acto seguido, os de Rafa Sáez volvían sufrir e vían como o rival estaba moi veloz e volvía ter as mellores oportunidades, buscando a Lamelas mediante pases longos desde campo propio que obrigaban a Manu Táboas a intervir.
Xa no tempo de desconto, o Arosa puido empatar creando superioridade con Coti polo lateral, que enviou o esférico a Manu, pero de novo o disparo despexouno Parra.
Nada máis empezar a segunda metade, os de Vilagarcía tentárono pola banda esquerda buscando as costas da defensa, o porteiro do Ourense deixou o rexeite morto na área pequena e a punto estivo de chegar Rober. De novo, un minuto despois, Parra tivo que intervir para despexar o disparo de Coti.
Os de Rafa Sáez estaban a mostrar un mellor nivel, xestionando mellor a posesión e insistindo na portería rival. Rober tiña nas súas botas o empate pero de novo, Parra atallaba sen problema.
Os seguintes minutos o partido non tivo dono. Aínda que o Arosa buscaba crear perigo con xogadas máis longas, os de As Burgas optaban polos balóns en longo cara a Murilo.
Cando se cumpría o minuto 60, unha xogada individual de Jorge Sáez pola banda, enviaba o balón a Rober que tivo o empate nas súas botas. Con todo, tentou colocar o esférico o máis axustado posible e enviouno polo lateral da portería de Parra.
A necesidade do Arosa de atopar o gol obrigou a Rafa Sáez a mover o banco e quitou do campo a Mon e Adri Gómez e no seu lugar entraron Julio Rey e Javi Fontán.
De pouco serviu, o xogo do Arosa cambiou pero case sen opcións e, no minuto 73, chegou a xogada polémica do partido. Un erro arbitral nunha falta de Catú condicionou a recta final do partido. O colexiado decidiu expulsalo con vermella directa e, aínda que a falta foi fóra da área, pitou pena máxima. Renan puxo o 2-0 no luminoso deixando aos de Vilagarcía practicamente sen opcións de vitoria.
O Arosa necesitaba 3 goles para darlle a volta á eliminatoria, pero o gol chegaba tarde. No minuto 87, Pedro Beda atopou porta tras cabecear un córner botado desde a esquerda por Julio Rey e poñendo o 2-1 co que se chegou ao final do encuentro.
Con este resultado termina o soño polo ascenso do Arosa. Pola súa banda, o Ourense xogará a final contra o Compostela no Estadio Municipal de Balaídos o vindeiro sábado 25 de xullo ás 19:30 horas.
Ourense CF (2): Cristian Parra, William, Germán, Manu Mariña, Sergio Barcia (Dani Portela, minuto 71), Cassio, Adri Castro (Sergio de Paz, minuto 86), Renan Zanelli, Martín Lamelas (Juanma, minuto 71), Pibe e Murilo ( Rodri, minuto 86).
Arosa SC (1): Manu Táboas, Adri Gómez (Javi Fontán, minuto 62), Coti, Pacheco, Manu Rodríguez (Suso, minuto 78), Pedro Beda, Jorge Sáez (Javi Otero, minuto 78), Mon (Julio Rey, minuto 62), Róber (Raúl, minuto 81), Pedro García, Catú.
Árbitros: Gustavo Vidal Fonseca (Santiago), asistido nas bandas por Pablo Bustabad Gomes e Álvaro Gil Soriano. Amosou cartón amarelo a Sergio Barcia e Murilo por parte local e a Mon, Coti e Manu Rodríguez polos visitantes. Expulsou con cartón vermello directo a Catú no minuto 73.
Goles: Lamelas (0-1, minuto 15), Zaneli (0-2, minuto 73 p.), Pedro Beda (2-1, minuto 86).
Incidencias: Segunda semifinal da fase de ascenso exprés á Segunda División B disputada no Estadio Municipal de Balaídos. Antes do comezo do partido gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas da COVID-19.