O Arosa pon á venda para os seus socios un milleiro de entradas do amigable Celta-Lille que se xogará na Lomba

O Salnés
05 de xullo 2019

O club arlequinada despachará estas entradas só ata o próximo 15 de xullo. O encontro amigable entre os dous conxuntos da Primeira División española e francesa disputarase o sábado 27 de xullo

Brais Méndez, nun partido entre Celta e Rayo Vallecano
Brais Méndez, nun partido entre Celta e Rayo Vallecano

O partido amigable que disputará o Celta de Vigo ante o subcampión francés, o Lille, na Lomba o sábado 27 de xullo (20:30 horas) levantou gran expectación na capital arousá.

Tanto é así que o club local, o Arosa, anunciou que se reservarán 1.000 entradas en exclusiva para socios da entidade.

Estas entradas, que terán como o resto un prezo único de 20 euros, venderanse só ata o día 15 de xullo, data a partir da que non se garantirá a dispoñibilidade.

O lugar para compralas será a oficina do club en horario de 10:00 a 12:00 e de 19:00 a 21:00 horas ou en Ofimática Arousa (10:00 a 13:00 e 16:00 a 20:00 horas).

Este partido amigable entre dous equipos da Primeira División española e francesa será unha realidade grazas á xestión da Federación Galega, como axuda pola complicada situación económica do club de Vilagarcía debido ao proceso xudicial cun antigo empregado.

Ante o interese que levantou a cita desde o Arosa non descartan a instalación de bancadas supletorias.

RENOVACIÓN DE IAGO MARTÍNEZ

No que respecta a a planificación da próxima tempada, o club arlequinado segue dando pasos adiante e este venres confirmou a renovación de Iago Martínez. O defensor afrontará desta forma a súa segunda campaña na Lomba.