O fútbol galego contará con novos representantes na Asemblea Xeral da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), principal órgano de decisión do balompé nacional.
Un deles será o Arosa, como representante xunto ao Bergantiños dos clubs autonómicos non profesionais. Ambas as entidades, xunto ao futbolista Sergio Santos, formaban parte da candidatura presentada pola Real Federación Galega de Fútbol e que logrou unha ampla maioría de apoios dos 31 clubs que tiñan dereito a voto.
Nas súas categorías ademais non se presentou ningunha candidatura alternativa, polo que o seu nomeamento pasa a ser xa efectivo.
O fútbol galego ten asegurada ademais a presenza na Asemblea federativa por medio do CD Lugo no fútbol profesional, o Burela FS no fútbol sala e o colexiado ourensán José Antonio Fernández Rodríguez, ademais do propio presidente da Federación Galega, Rafael Louzán.
Precisamente o dirixente autonómico valorou "moi positivamente" que estes nomeamentos "saísen adiante sen necesidade de pasar por eleccións" ao ser un reflexo da "unión do noso fútbol".
Nas eleccións ademais aspiran a conseguir un asento na Asemblea os adestradores Manuel Mosquera en fútbol e Juanma Marrube en fútbol sala e a xogadora Patricia González Mota 'Peque', do Burela FS.