O Arosa non pasa do empate contra o Estradense (1-1)

O Salnés
12 de febreiro 2023

O Arosa foi incapaz de pasar o empate en casa do Estradense este sábado nun partido no que o equipo local gozou das mellores ocasións e truncou as opcións dos arlequinados de durmir líderes. Se o Deportivo Fabril gana o seu partido desta tarde contra o Arzúa (17:00), aumentará a catro puntos a súa vantaxe cos de Vilagarcía

Partido entre Estradense e Arosa
Partido entre Estradense e Arosa / Arosa SC

O Arosa foi incapaz de pasar o empate en casa do Estradense este sábado nun partido no que o equipo local gozou das mellores ocasións e truncou as opcións dos arlequinados de durmir líderes. Se o Deportivo Fabril gana o seu partido desta tarde contra o Arzúa (17:00), aumentará a catro puntos a súa vantaxe cos de Vilagarcía.

Adiantouse aos nove minutos o equipo de Nacho Pacios tras un córner a favor do Arosa. O ex arlequinado Porrúa estaba no rexeite, conduciu e cedeu a Migui Fernández para que, cun bo disparo cruzado, anotase o 1-0. Porrúa buscou o segundo dos seus pouco despois, pero o balón foise fóra por moi pouco.

Despois do paso polos vestiarios chegou o empate para os de Luisito grazas a un cabezazo de Pacheco, que rematou ao interior da rede tras unha mala saída do porteiro local.

Tentou reaccionar ante o gol o Estradense mediante un activo Porrúa, que poñía un centro á área para que Juaquín rematase só, pero Manu Táboas aparecía para facer unha boa parada e evitar o segundo tanto.

O Arosa estaba desaparecido en tarefas ofensivas e eran os da Estrada os que parecía que se farían cos tres puntos. Brais Pedreira protagonizaba outra ocasión que acababa preto do pau e Porrúa probaba fortuna cun disparo desde a frontal que se foi alto.

Xa nos últimos instantes, Borja e Hugo Losada tentárono con senllos disparos pero o primeiro marchouse preto da escuadra e o segundo detívoo Coke.

Antes do partido os equipos renderon homenaxe a Manolo González, ex porteiro do Estradense falecido esta semana.