O Arosa non puido facer realidade esta tempada o soño do ascenso a Segunda B, pero están decididos a seguir tentándoo. E para facelo realidade, a dirección deportiva do club arlequinado confiará no mesmo bloque que clasificou ao club para a fase de ascenso.
Despois de asegurar a continuidade do técnico pontevedrés Rafa Sáez, o cadro arousá fai oficial a renovación por unha tempada máis do porteiro Manu Táboas, o extremo Javi Otero e do dianteiro Joel Sanabria.
O prometedor atacante paraguaio chegou no mercado invernal e, aínda que polo parón provocado pola pandemia, non puido demostrar todo o seu potencial, no club están satisfeitos co seu rendemento polo que apostaron pola súa renovación.
Máis tempo levan no club Táboas e Otero, que a próxima tempada cumprirán o seu terceiro ano defendendo as cores do Arosa.
Non son os primeiros nomes confirmados para o novo curso, a semana anterior tamén se fixo oficial a continuidade de Adrián Gómez, Javi Fontán, Oumar Sidibé, Julio Rey, Sergio Cotilla, Róber Fernández e Pedro García.