O Arosa logra a súa sexta vitoria, o Céltiga cae ante o Barco e o Ribadumia gaña na casa

O Salnés
07 de outubro 2018

Sylla logrou o desempate no 81 de xogo ante o Compostela cun penalti que lle daba os tres puntos ao conxunto vilagarcián no estadio de San Lázaro

Partido entre Ourense CF e Arosa SC no Couto
Partido entre Ourense CF e Arosa SC no Couto / Ourense CF

Preto estivo o Arosa de finalizar o encontro ante o Compostela cun 1-1 no marcador. Con todo, un penalti pitado a Álvaro Casas no minuto 81 deulle ao conxunto pontevedrés a oportunidade de volver poñerse por diante e levar os tres puntos na sétima xornada de liga.

Nada máis comezar o choque, no primeiro minuto de xogo, o Compostela tivo a súa primeira ocasión de gol grazas a unha acción perigosa cometida por Pablo González sobre Miguel Villar. Con todo, Aythami Perera desaproveitou o penalti cun tiro que lanzou fóra.

Pola súa banda, o Arosa gozou de varias ocasións de gol durante a primeira metade do encontro, unha delas a efectuada por Sylla no 25'. Pero non foi ata o minuto 31 que unha gran xogada combinativa dos de Rafa Sáez acabou sumando un tanto no marcador visitante. O gol dos de Vilagarcía chegou cun pase de trapero a Luís García fronte á portería de Lorenzo Riveiro. Así, os arlequinados foron ao vestiario por diante no marcador.

Á volta do descanso, unha boa xogada do Compostela, con Álex Ares na cabeza, terminou por establecer o empate entre os rivais (59'). E non foi a única ocasión dos de Santiago durante a segunda metade, xa que no 61' de xogo, Manu Taboas na portería visitante salvou ao equipo de poñerse por detrás. A vitoria do Arosa chegou co penalti que tirou Sylla a falta de nove minutos para o final do partido (1-2).

Os tres puntos desta xornada axudan ao Arosa a afianzar a súa segunda posición da clasificación a un só punto do cabeza, o Bergantiños. Ademais, esta é a sexta vitoria que suman nos sete partidos que van de liga, catro deles como visitantes.

Consulta a acta do Compostela-Arosa.

O Céltiga non logrou impoñerse en casa ao Barco, que marcou dous tantos de man de Pedro Bazo e Santiago Real.

Ademais, o cadro da Illa tivo que xogar os minutos do tempo de desconto sen o seu adestrador, Manuel Núñez no campo, xa que foi expulsado polo colexiado no 90' de partido.

Esta derrota do Céltiga no Salvador Otero é a cuarta do conxunto pontevedrés no que vai de liga, e o mantén na décima terceira posición da táboa.

Consulta a acta do Céltiga-Barco.

O Ribadumia consegue a súa cuarta vitoria na sétima xornada de liga ante un Laracha que non logrou chegar á portería nos 90 minutos.

O primeiro tanto do conxunto pontevedrés chegou a escasos dous minutos do final da primeira metade de man de Aarón Paredes, polo que os de Luís Carro xa se foron ao vestiario con vantaxe no marcador da Senra (1-0). O segundo anotouno Diego Aval nos primeiros minutos da segunda parte, poñendo ao cadro local cun 2-0. O último tanto (3-0) chegou dez minutos despois cunha acción de José Ramón Rodríguez ante a portería de Ricardo Costa.

O Ribadumia colócase así no sexto posto da clasificación con 13 puntos no seu casilleiro.

Consulta o acta do Ribadumia-Laracha.