O Arosa incorpora ao pontevedrés César Pazos como no adestrador de porteiros

Pontevedra
20 de xaneiro 2022

O técnico, que conta con experiencia como preparador en equipos como o Pontevedra, Celta ou Arenteiro, xa sabe que supón defender o escudo do Arosa porque foi porteiro do equipo hai dúas décadas, cando logrou o ascenso a Terceira División

César Pazos, novo adestrador de porteiros do Arosa
César Pazos, novo adestrador de porteiros do Arosa

O Arosa xa ten substituto para Miguel Palacios, que abandonou recentemente o club para enrolarse no campión de Malaisia, o Johol Darul Takzim FC. É o pontevedrés César Pazos que xa exerce como novo adestrador de porteiros do primeiro equipo.

Licenciado en Ciencias da Actividade Física e o Deporte e Técnico Superior Deportivo en Fútbol, este técnico de 44 anos conta tamén cun Master de Adestramentos de Porteiros da RFEF e moita experiencia en clubs como Pontevedra, Villalonga, Ribadumia, Boiro, Mirandés, Celta ou Arenteiro, que foi o seu último equipo na tempada 2019-2020.

Ademais, Pazos xa sabe o que supón defender o escudo do Arosa. Algo que lle vén de familia porque o seu pai defendeu tamén ao cadro arousán baixo paus. O novo preparador foi o gardián da portería arlequinada en dúas tempadas con Pedro Ferreira como adestrador, nas que logrou un ascenso e a consolidación do equipo en Terceira División hai dúas décadas. Tamén xogou en equipos como Pontevedra, Villalonga, Portonovo e Céltiga.

"Veño sumar. Estou moi ilusionado porque o Arosa é un dos mellores clubs de Galicia. Coñezo a traxectoria de Álex e Manu, son un afortunado por poder traballar con eles porque son dous auténticos porterazos. Incluso o xuvenil David Conde tamén ten unha gran proxección", dixo o técnico na súa presentación.

"Gústame que os porteiros entendan o xogo e en base a iso tratarei de darlles solucións a posibles problemas que xurdan na competición", comentou sobre o seu estilo de adestramento.

Doutra banda, as sesións de adestramento do Arosa van aos poucos gañando efectivos. Os xogadores que deran positivo por covid-19 a pasada semana vanse sumando á dinámica do grupo. O primeiro foi Sergio Cotilla e o pasado martes fixérono Mon e Campillo, mentres que o mércores chegou o momento de Alberto Martín.

Este xoves está previsto que todo o plantel se someta a novos test antes do enfrontamento que terá lugar o sábado fronte ao Arenteiro en Carballiño ás 19 horas.