O Arosa ficha ao exgranate Campillo para apontoar a súa defensa

Pontevedra
26 de agosto 2020

A chegada do central vigués, que ascendeu co Pontevedra a Segunda B no 2015, serve para suplir a sensible marcha de Pacheco e únese a Martín Ross e Piay como novas incorporacións para unha zaga na que continúan os laterais Adrián Gómez e Sergio Cotilla

Campillo adestrando co Pontevedra
Campillo adestrando co Pontevedra / Cristina Saiz

O Arosa presentou este mércores a un reforzo de luxo para apontoar a súa renovada liña defensiva coa que afrontar o reto de clasificarse para a fase de ascenso a Segunda B. O central procedente do Pontevedra CF, Alberto Campillo, vestirá a camiseta arlequinada a próxima tempada.

O central vigués de 32 anos procede do conxunto granate, no que militou en dúas etapas, as últimas dúas tempadas disputando 12 partidos, 9 deles como titular, no último curso.

A súa chegada ao campo da Lomba servirá para pechar unha renovada liña defensiva no conxunto de Rafa Sáez, que viu como se despedían este verán traseiros importantes como Pacheco, Iago Martínez ou Trapero. Con todo, pezas fundamentais como Adrián Gómez ou Sergio Cotilla continúan.

A fichaxe de Campillo únese ás do prometedor Piay ou Ross. Ademais, o exgranate, que militou tamén en equipos como o Coruxo, Rápido de Bouzas, Ourense ou Celta B, xa sabe o que é saborear un ascenso a Segunda B. Conseguiuno co Pontevedra na campaña 2014/2015.