O Arosa desprazouse esta fin de semana a Redondela para enfrontarse ao Choco e disputar un dos encontros máis interesantes da xornada. Terceiro e quinto clasificado con tan só un punto de diferenza, víanse as caras en busca da vitoria nun partido que finalmente quedou en táboas.
O partido tivo claro protagonista. Despois da choiva caída durante toda a fin de semana, o terreo de xogo atopábase intratable para disputar un partido de fútbol, pero igualmente disputouse. O Arosa foi o que empezou adiantándose tres minutos despois de que o colexiado pitase o inicio do encontro. Foi Suso o que, na primeira chegada á área local, non dubidou e mandou o balón á rede.
Co 0-1 no marcador, os de Vilagarcía convertéronse en claros dominadores do partido, pero só durante os primeiros 18 minutos, momento no que o Choco gozou da primeira ocasión clara con disparos de ata 3 xogadores pero que non conseguiron bater a portería defendida por Manu Taboas.
Cumpríase a media hora de xogo e os locais insistían tanto na portería arousá, que finalmente chegou o gol do empate das botas de Adri Rodríguez. 5 minutos despois, o Arosa volvía poñerse por diante no marcador cun gol de Pedro Beda.
A primeira metade non quedaba aí. O Choco volvía empatar o partido cando quedaba tan só un minuto para que o árbitro pitase o final dos primeiros 45 minutos. Un gol de Berto volvía poñer as táboas no luminoso, resultado co que se chegou ao descanso (2-2).
Tras o paso polo vestiario ocorreu o mesmo que ao principio do encontro. Julio Rey adiantaba de novo ao Arosa na primeira xogada con perigo na área local cando só cumpriuse un minuto da segunda metade.
De novo, tras o gol o Arosa veu arriba e gozou de varias oportunidades na área de Cortegoso pero, no minuto 65, o árbitro pitou un penalti a favor dos do Redondela. O encargado de materializalo foi Adri Rodríguez, conseguindo o seu dobrete no encontro.
Aínda quedaba moito partido pero, a pesar das chegadas a ambas as áreas, ningún dos equipos foi capaz de darlle a volta ao marcador que finalizou nun merecido empate a 3. Con este resultado, o Arosa baixa ao quinto posto e colócase fora do play off.
Consulta a acta entre Choco-Arosa na seguinte ligazón.