O central malagueño de 21 anos Álvaro Denis é a quinta fichaxe do Arosa para a nova tempada en Segunda RFEF. O presidente Manolo Abalo e o director deportivo Rafa Sáez encargáronse de presentar ao xogador este martes na Cafetería Abadía do Duque, establecemento que colabora asiduamente co club. O prometedor defensor chega á Lomba para completar a liña defensiva do primeiro equipo.
Formado na canteira do Málaga e despois de pasar polo Raio Vallecano B e o filial do Hércules, Denis chega a Vilagarcía como unha aposta de futuro. "Por xuventude e traxectoria temos depositadas nel moitas ilusións. É un xogador que vén completar o apartado da liña defensiva", explicou Rafa Sáez, quen recoñeceu que aínda falta un centrocampista para pechar o plantel.
Álvaro Denis explicou que cando apareceu a posibilidade este verán de fichar polo Arosa "non mo pensei dúas veces porque me comentaron que ten unha afección espectacular e é un club bastante serio, por agora as sensacións foron incribles polo recibimento", dixo o central que tamén se desenvolve como centrocampista defensivo e lateral destro.
Álvaro Denis lucirá o dorsal 20 e este martes xa tiña previsto unirse aos adestramentos co resto dos seus compañeiros."Defínome como un mozo traballador, no campo déixoo todo, creo que teño bo xogo aéreo e son rápido. Un defensa ten que ser duro, saber que facer en cada momento e primeiro defender", rematou.