O Arosa busca furgar na ferida dun Coruxo que non coñece a vitoria

O Salnés
01 de outubro 2021

O cadro  arlquinado recibe o domingo ás 19 horas na Lomba ao conxunto vigués, do que asegura Jorge Otero que o seu xogo non se corresponde coa súa mala situación na táboa

Primeiro adestramento do Arosa 2021/2022, tempada de debut en 2ª RFEF
Primeiro adestramento do Arosa 2021/2022, tempada de debut en 2ª RFEF / Cristina Saiz

O Arosa quere reencontrarse coa vitoria, tras dúas xornadas sen gañar, á conta dun Coruxo que chegará o domingo á Lomba no último posto da táboa cun só punto conseguido despois de catro xornadas. Con todo, no vestiario arlequinado prefiren ser cautos e están convencidos de que o cadro vigués non llo poñerá nada fácil. 

"É un dos rivais que vai pelexar pola liga, non teño ningunha dúbida. Os méritos que fixeron non se corresponden con esa clasificación, foron superiores aos seus rivais e teñen moi bos xogadores", asegura o adestrador Jorge Otero, quen advirte de que "seriamos moi inxenuos sen pensamos que vai ser un partido fácil".

Do rival que saltará o domingo ás 19 horas ao maltreito céspede da Lomba preocúpalle o seu bo manexo do balón e a súa capacidade para xerar superioridades. "Hai que estar concentrados e traballar moito o partido. Temos que facer un partido defensivo moi forte", pide Otero aos seus. Non recibir goles é a primeira premisa e para conseguir anotar, a clave pasa por ter "pausa e tranquilidade, pero non relaxación", sinala o preparador convencido de que o seu equipo seguirá exhibindo a boa liña demostrada ata o de agora como local. 

Do estado do céspede, que segue sen recuperarse do todo do fungo que afecta a algunhas partes do campo, prefire non preocuparse. "O campo é un condicionante importante, pero temos que centrarnos no que dependa de nós", resolveu.

Sobre o partido falou tamén o defensa Alberto Campillo, que defendeu a camiseta do Coruxo durante tres tempadas, para dicir que o equipo sufriu un "mazazo" coa derrota do pasado domingo en Segovia, pero "xa temos as pilas cargadas", rematou.

Doutra banda, esta semana pasaron polo quirófano Álex Cobo e  Róber Fernández. Ao porteiro catalán suturáronlle o menisco, "que estaba dado a volta e bastante peor do esperado". Estará seis semanas sen apoiar a perna dereita e o seu regreso á actividade competitiva estímase nun prazo de entre 3 e 4 meses. A intervención do ligamento cruzado anterior de Róber Fernández foi tamén exitosa, pero o período de recuperación será máis longo e non volverá xogar esta tempada.