O Arosa xa é, oficialmente, equipo de play-off.
Os arlequinados aseguraron un posto na fase de ascenso a Segunda RFEF despois de conseguir un valioso triunfo este mércores 1 de maio no campo do Somozas (0-1).
Os dous equipos xogaban moito, pois o conxunto local está inmerso na pelexa pola permanencia na categoría, e ambos os dous gozaron de ocasións para decantar a balanza ao seu favor.
Aínda así as mellores opcións no primeiro acto foron do Arosa, sobre todo nun disparo de Iñaki que se atopou coa madeira tras un servizo de Martín Diz.
Esa conexión volveu aparecer no minuto 67 de xogo e foi decisiva, aínda que cos papales cambiados. Transición dos visitantes con Iñaki habilitando a Martín Diz para que o vilagarcián conectase un preciso disparo facendo o 0-1.
Puideron sentenciar pouco despois os de Luisito. Non o fixeron e tocou aplicarse defensivamente para asegurarse os tres puntos, que lles manteñen na terceira posición con 54 puntos.
Xa clasificados para o play-off, primeiro obxectivo, a dúas xornadas do final aínda é posible facerse coa segunda praza do Gran Peña (57 puntos).