Con paso firma avanza o Arosa na planificación deportiva da próxima tempada.
O club arlequinado confirmou este martes dúas renovacións no seu plantel, e pasan xa a ser seis os futbolistas que xogarán ás ordes de Míchel Alonso.
Unha continuidade importante, ao tratarse dun dos capitáns do equipo o pasado curso, é a de Carlos Pacheco. O defensor sumará desta forma a súa quinta campaña na Lomba, a terceira consecutiva na que é a súa segunda etapa no club. O último ano foi un dos xogadores que sumou máis minutos en liga, con 28 partidos como titular.
OFICIAL | Pacheco, unha temporada máis na Lomba
— Arosa SC (@ArosaSCOficial) June 11, 2024
Carlos Riveiro Pacheco, que foi un dos capitáns este ano, sumará a súa quinta tempada no Arosa SC, a terceira consecutiva nesta segunda etapa.
Parabéns, Pacheco! #ForzaArosa#ArosaSCpic.twitter.com/UGxOMsCFo7
Ademais a entidade de Vilagarcía confirmou que Noel Chaves, futbolista procedente do xuvenil de División de Honra, dará o salto ao primeiro equipo. Será o seu segundo ano no Arosa, onde chegou procedente da canteira do Real Club Celta.
Pacheco e Noel súmanse desta forma a un plantel no que xa estaban confirmados Antón Concheiro, Dani Sánchez, o porteiro David Conde tras regresar da súa cesión en Portonovo e o tamén ata o de agora xuvenil Sergio Prieto.
SYLLA NON SEGUE
O que non seguirá e por tanto despídese do Arosa é o delanterao Sylla, tras chegar ambas as partes a un acordo de desvinculación.
O atacante quixo dirixirse á afección arlequinda na súa despedida dando as grazas "por acollerme outra vez cos brazos abertos e apoiarnos sempre".
"Foi un pracer formar parte outra vez deste club. Grazas á directiva e corpo técnico por contar comigo estes anos. Unha pena non ter podido lograr o obxectivo. Quedo con todo o bo vivido e deséxovos o mellor", sinalou Sylla.