O Arosa acelera na confección do seu plantel coas fichaxes de Pacheco e Brais Pedreira

O Salnés
09 de xuño 2022

Xunto a estas incorporacións, que se suman ás chegadas de Brais Vidal e Martín Sánchez e á renovación de Manu Táboas, o novo proxecto do cadro arlequinado na Terceira RFEF empeza a coller forma

Carlos Pachecho, no partido entre o Arosa e o Céltiga na Lomba da tempada 18/19
Carlos Pachecho, no partido entre o Arosa e o Céltiga na Lomba da tempada 18/19 / Diego Torrado

Velocidade de cruceiro colle o Arosa na confección do seu novo proxecto deportivo na Terceira RFEF, con Luisito ao mando das operacións.

O club arlequinado confirmou este xoves hoxe dúas novas incorporacións, a dun vello coñecido como Carlos Pacheco e tamén a de Brais Pedreira.

No que respecta a Pacheco, o lateral destro de 31 anos regresa ao estadio da Lomba despois de dous anos no Somozas. "Foi fácil a fichaxe. Cando che chama un club como o Arosa, que xa se como funciona porque estiven aquí dúas tempadas, non o pensas", explica o futbolista, para quen "o proxecto é ilusionante porque o Arosa ten que estar nunha categoría superior".

Xunto a el aterra un Brais Pedreira que procede do Arzúa, no que militou o últimas catro tempadas, tres delas en Terceira. Trátase dun extremo ou interior destro que chega "con ganas de xogar nun club histórico, grande e con moita masa social", no que espera "subir o meu nivel e loitar polo ascenso".

Estas fichaxes únense ás de Brais Vidal e Martín Sánchez, mediocentro e central zurdo procedentes do Estradense, e ás renovacións do capitán Julio Rey e o gardameta Manu Táboas. Ademais subirá ao primeiro equipo o capitán do xuvenil A, Álex Rodríguez.

Os que non aceptaron a oferta de renovación presentada pola entidade de Vilagarcía son Luismi e Javi Piay.