O Alcorcón remonta o Marín nos minutos finais (3-1)

Marín
23 de abril 2022

Derrota agridoce para o Marín Futsal a desta fin de semana. O cadro galego adiantouse cun gol de Café na primeira metade pero viuse superado na recta final por un Alcorcón que marcou tres goles en tres minutos que lle foron suficientes para gañar o partido

Partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Ourense Envialia
Partido de liga en A Raña entre Marín Futsal e Ourense Envialia /

Derrota agridoce para o Marín Futsal a desta fin de semana. O cadro galego adiantouse cun gol de Café na primeira metade pero viuse superado na recta final por un Alcorcón que marcou tres goles en tres minutos que lle foron suficientes para gañar o partido.

Tomou as rendas do envite o cadro madrileño, que se fixo co esférico para buscar espazos na zaga marinense e facer dano dese xeito. Pola contra, o Marín optaba por balóns longos e xogadas de estratexia, pero ningún equipo era capaz de abrir o marcador.

De feito, non foi ata o fío do descanso cando as de Raúl Jiménez abriron a lata. As visitantes fixeron unha boa triangulación ofensiva que terminou con Estela rexeitando o disparo de Gaby. Alí estaba Café para recoller o balón repelido e envialo ás mallas para facer o 0-1.

Despois do descanso, foron as visitantes as que xeraron maior perigo en área rival, dispoñendo de senllas ocasións de Café e Gaby coas que puideron ampliar a renda. Pero non había maneira de superar a Estela por moito que o tentaban e aínda que buscaron o gol por activa e por pasiva, nunca chegou.

Si chegou a cinco do final pero a favor do Alcorcón. Recuperou Aída de Miguel sobre Gaby, e enviou a Laura Sánchez, que se fixo un autopase sobre Silvia e, de disparo cruzado, anotou o 1-1.

O gol enchufó ás oleiras e causou o efecto contrario no Marín, que se viu superado polo vendaval ofensivo dun Alcorcón que, nun visto e non visto, deu a volta ao partido. Primeiro Clau López a pase de Laura Sánchez e esta última, tras presión de balón de Silvia Aguete, anotaban o 3-1 co que se alcanzou o bocinazo final.

AD ALCORCÓN (3): Estela; Laura, Aída de Miguel, Laura Oliva e Tania (quinteto inicial) Tamén xogaron, Nere Moldes, Marta Nuño, Paula Llorente, Clau López e Iraia.

MARÍN FS (1): Silvia Aguete, Pau, Adriana, Café e Ceci (quinteto inicial). Tamén xogaron, María León, Gaby, Lucía e Dani Fleitas

Goles: 0-1, min. 19 Café. 1-1, min. 35 Laura Sánchez. 2-1, min. 36 Clau López. 3-1, min. 38 Laura Sánchez.

Incidencias: Os Cantos. Colexiados, Luís M. Manso Martín e Alejandro Jarque Ruiz. Amoestaron a Leire, segunda adestradora, e Piru no banco do Alcorcón e María León, Adriana e Ceci no Marín.