Gañou por méritos propios un posto nos grandes nomes da historia do Pontevedra Club de Fútbol. E non é para menos, xa que os números o avalan.
Charles Dias puxo este sábado o punto e final a unha exitosa carreira como futbolista profesional, unha traxectoria na que o club granate ocupa un posto destacado.
O dianteiro brasileiro chegou ao Estadio Municipal de Pasarón con só 19 anos en Segunda, onde permaneceu seis tempadas antes de facer as maletas e progresar no fútbol español pasando por Córdoba, Almería, Celta, Málaga e Eibar, catando os meles da Primeira División e mesmo inscribindo o seu nome como primeiro goleador na historia do Novo San Mamés, estadio do Athletic Club.
Foi así ata que decidiu que quería regresar onde empezou, o Pontevedra, para terminar a súa carreira. Tres anos máis, un ascenso e unha espiña cravada que non se logrou sacar, a de devolver o equipo ao fútbol profesional.
En total, só contando Liga, Copa e fases de ascenso Charles retírase con 580 partidos xogados ás súas costas e 192 goles, aínda que son algúns máis se se teñen en conta outra competición oficial como é a Copa Federación.
No que respecta ao Pontevedra, o ariete elevou o listón ata os 87 goles oficiais en Liga e Copa, superando esta tempada os 83 de Pablo Couto no alto deste ranking, pero a cifra vaise ata os 95 goles contando cos conseguidos en Copa Federación.
Pasa algo similar cos partidos nos que defendeu a camiseta granate, sendo un dos xogadores que máis veces competiu co Pontevedra en toda a historia. Por diante del só Couto (304 partidos de Liga e Copa) e Calleja (302) supéranlle, xa que Charles retírase con 296 partidos (285 en Liga e Copa). Pablo Vázquez (288), Mauro (280) e Cholo (267) séguenlle nesta particular clasificación.
Nove tempadas de granate nas que festexou dous campionatos de liga (2006/2007 en Segunda B e 2021/2022 en Segunda RFEF), aínda que desgracidamente o primeiro non finalizou en ascenso ao ser elminados polo Córdoba na promoción. Ademais foi parte do Pontevedra campión de Copa Federación na campaña 2006/2007).
Números de todo un referente para o granatismo.