O adestramento da selección española de fútbol do próximo xoves en Pasarón será gratuíto e aberto ao público

Pontevedra
24 de novembro 2023

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, desvelou que "o aforo de Pasarón reduciuse", por exemplo, "por normativa UEFA os fondos, que non teñen bancadas, pois aí está prohibido vender entradas" do mesmo xeito que ocorre en "a primeira liña que hai próxima ao valo, por motivos de seguridade, a UEFA tamén impide vender as entradas"

Tere Abelleira e Marta Cardona, nun adestramento coa Selección
Tere Abelleira e Marta Cardona, nun adestramento coa Selección / RFEF

O adestramento da selección española de fútbol do próximo xoves en Pasarón será gratuíto e aberto ao público. Así o anunciou este venres o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, apuntando que a noticia está "sen confirmar pero case ao cento por cento".

O mandatario provincial manifestou que o gran interese demostrado pola cidadanía para asistir o próximo 1 de decembro ao partido España-Italia en Pasarón "demostra que foi un acerto apoiar a celebración deste encontro" da selección española absoluta no partido da UEFA Women's Nations League. 

"Un acerto por parte da Deputación, que o Concello de Pontevedra non o fixo", dixo respecto ao patrocinio con 200.000 euros para que este partido que se disputará no Estadio Municipal de Pasarón.

"Estamos convencidos de que se Pasarón tivese o triplo de aforo, encheríase", indicou o presidente da Deputación que, acto seguido, engadiu que "lamentamos moito que haxa familias, e sobre todo pequenos, que se poidan perder a oportunidade de ver ás campioas".

Preguntado polos xornalistas pola indignación entre a afección ao esgotarse en cinco minutos as entradas para este encontro, o presidente da Deputación de Pontevedra precisou que "a xestión das entradas compete única e exclusivamente á Federación Española de Fútbol".

Luis López desvelou que "o aforo de Pasarón reduciuse", por exemplo, "por normativa UEFA os fondos, que non teñen bancadas, pois aí está prohibido vender entradas" do mesmo xeito que ocorre en "a primeira liña que hai próxima ao valo, por motivos de seguridade, a UEFA tamén impide vender as entradas". 

Lembremos que este estadio municipal ten unha capacidade cercana aos 11.000 espectadores aínda que o presidente provincial descoñece cantas entradas saíron finalmente á venda "nin idea", dixo.

"Entendendo este malestar, nós o que queremos é que a cidade e a provincia de Pontevedra gocen do espectáculo das campioas", engadiu o presidente da Deputación que lembrou que xa sucedeu "algo así" no partido amigable que acolleu Pasarón en setembro de 2012 entre a selección española absoluta masculina, que viña de gañar a súa segunda Eurocopa consecutiva e estaba no mellor momento da súa historia, fronte a unha Arabia Saudita que poucas opcións tivo e acabou perdendo por cinco goles a cero.

Por último, Luis López confirmou que haberá recepción oficial na Deputación de Pontevedra ás xogadoras da selección e tamén se expoñerá a copa do mundo.