O adestrador de porteiros do Arosa, Miki Iglesias, fai as maletas e ficha polo campión de Malaisia

O Salnés
04 de xaneiro 2022

Iglesias, que aterrou na Lomba hai tres tempadas, decidiu abandonar Vilagarcía comprometéndose co Johor Darul Takzim FC. "É unha gran oportunidade para min e non podo desaproveitala", asegura

O adestrador do porteiros do Arosa, Miki Iglesias, despídese do plantel
O adestrador do porteiros do Arosa, Miki Iglesias, despídese do plantel / Arosa SC

O Arosa queda sen o seu adestrador de porteiros, Miki Iglesias, ao aceptar unha importante oferta para enrolarse nas filas dun club estranxeiro.

En concreto o técnico vigués, que aterrou na Lomba hai tres tempadas, fichou polo campión de Malaisia, o Johor Darul Takzim FC.

Iglesias recibiu a oferta tras a mediación doutro español, Orkatz Martín, que nos últimos anos foi o adestrador do porteiros deste club, gran dominador os últimos anos no seu país e tamén do sueste asiático.

O xa ex-adestrador arosista ten previsto viaxar a Malaisia esta mesma semana para poñerse a traballar no filial do Johor FC, que milita na segunda categoría. Alí atoparase con máis dunha ducia de españois que ocupan diferentes cargos na estrutura da entidade.

"Dáme pena deixar o Arosa, porque aquí tratáronme todos moi ben. Só teño palabras de agradecemento cara a todos. Do Arosa levo amigos", sinalou Miki Iglesias tras comunicar ao club arlequinado a súa decisión.

"Esta é unha gran oportunidade para min e non podo desaproveitala. Ser adestrador de porteiros é o que me gusta e quero vivir diso", engadiu o vigués.

Desde o Arosa, que agradeceu os seus servizos durante os últimos anos, búscase xa un recambio para o seu posto dentro da estrutura técnica do equipo.