Unha vez esquecido o mazazo do empate contra o Compostela do pasado domingo, o Pontevedra Club de Fútbol xa está centrado no que será, segundo Yago Iglesias, "o partido da xornada".
Numancia e Pontevedra, "dous bos equipos por historia, clasificación, obxectivos e plantel" veranse as caras a partir das 17:00 horas en Los Pajaritos, onde os granates buscarán reencontrarse coa vitoria "impoñendo o seu xogo e sendo mellor que a semana pasada".É un "desprazamento que chama a atención e que ten todos os alicientes para ser un bo partido", indicou o técnico granate,
Pero para traer a vitoria á Boa Vila, Iglesias incidiu en que a súa intención será "minimizar erros e buscar a perfección, pero non existe. Busco que o equipo ataque ben, o crecemento está en que nos xeren o menos posible e, cando o fagan, telo controlado", lembrando que o seu equipo pecou de "ineficacia" no Vero Boquete onde o Compos empatou o partido "en dúas xogadas illadas".
En todo caso, desde o Pontevedra son conscientes de que esta situación repítese desde a tempada pasada, e é que "os equipos que van por detrás no marcador ou ven ameazados a nivel táctico optan por un xogo máis directo. Hai que buscar solucións... Ou contrarrestalo a nivel individual con xogadores que gañan duelos, ou ser mellor a nivel colectivo e defender cun ou dous máis que o seu equipo rival. Non hai solución estándar", analizou o técnico.
Os xogadores, iso si, traballan semana a semana "para mellorar. A ninguén se lle pode escapar que xogadores e corpo técnico traballa para ser mellor e conseguir o obxectivo do ascenso. Todo o mundo quere facer ben o seu traballo, non concibo que haxa esa dúbida", sinalou Iglesias.
Para o partido contra o Numancia é dúbida Javi Fontán, que aínda sofre molestias nas súas costas e, por suposto, Héctor Hernández, que se segue recuperando da súa lesión. No caso de Fontán, "adestrou toda a semana", pero será despois do adestramento do sábado cando se analice a súa dispoñibilidade.