Novos socios incorpóranse á xestora dun Teucro que se aferra á vida

Pontevedra
01 de xullo 2022

O vindeiro martes está convocada unha nova reunión para aprobar a repartición de funcións do novo equipo xestor, que estará formado por preto dunha ducia de membros e centrará o seu traballo en reforzar a base do club

Reunión de socios do Teucro para elixir unha nova xunta xestora
Reunión de socios do Teucro para elixir unha nova xunta xestora / Mónica Patxot

A SD Teucro salvou a última hora deste xoves un novo match ball. Nas súas oficinas foi convocada unha asemblea extraordinaria co obxectivo de atopar un novo equipo que tomase as rendas da entidade. Preto dunha ducia de socios acudiron á cita e case todos se comprometeron a enrolarse nun nova xunta xestora, que manterá a bo número dos actuais integrantes, que será constituída o vindeiro martes. 

"Acudiron máis socios que de costume e houbo predisposición dos asistentes para entrar nunha nova xestora", declarou Carlos García Alén, expresidente do conxunto pontevedrés e membro da actual xunta xestora. A intención do novo equipo é repartir funcións o vindeiro martes e comunicarllas de inmediato á Secretaría Xeral para o Deporte para dar por constituída a nova xunta.

Polo momento, dada a ausencia de candidaturas, está descartada a convocatoria de eleccións para elixir un presidente e elixir unha nova directiva. Algo que tampouco é imprescindible para o correcto funcionamento do club. "Podemos estar así moitos anos e non ten por que ser inestable para o club", explicou García Alén, que segue desempeñando funcións relacionadas co control económico do Teucro.

No plano económico, o expresidente recoñece que o orzamento é limitado por ter que facer fronte a unha débeda con Facenda que rolda os 60.000 euros. Con todo, quixo poñer en valor que ao longo do seu mandato lograron reducir a débeda da entidade en 600.000 euros. Sanear o Teucro é o obxectivo desta xunta xestora, pois permitirá no futuro potenciar a parcela deportiva. "Demos un paso atrás, pero pode axudarnos a volver con máis forza e ilusión", dixo sobre o descenso a Primeira Nacional.

No aspecto deportivo, o Teucro traballa xa na confección do plantel do próximo curso. A idea inicial é seguir co corpo técnico que encabeza Irene Vilaboa, así como renovar á maior parte do equipo do ano pasado e apostar polos xogadores da base que terminan a súa etapa de xuvenil para que pasen a formar parte do primeiro equipo. A partir de aí e sempre en función das posibilidades económicas do club, acudirán ao mercado para reforzar as posicións máis débiles.

"Estamos limitados no tema económico, pero non imos sacrificar recursos da base ou do club para reforzar o primeiro equipo salvo que nos entren recursos extraordinarios", asegura García Alén, quen confirma que o novo Teucro centrarase en reforzar e apostar polas súas categorías inferiores.

Así mesmo, apela ao amor dos socios por este histórico club para "que se involucren e renoven os seus abonos", o que supoñería uns ingresos extras que servirían para aliviar as maltreitas arcas dunha entidade que este ano competirá por primeira vez na súa historia na terceira categoría do balonmán nacional.