O Club Cisne Balonmán afronta este sábado 22 de abril unha nova final pola permanencia na que se enfrontará o Torrelavega no Pavillón Municipal Vicente Trueba a partir das 21:00 horas.
Despois da gran vitoria da semana pasada no derbi ante o Cangas, o conxunto branco chega á cita coa moral polas nubes e buscará facerse cos dous puntos para seguir escalando posicións.
En canto ao seu rival, "non arrincaron do todo ben, pero unha vez empezaron a gañar fixeron unha primeira volta espectacular", indicou o segundo adestrador cisneísta Quiños. Eses bos resultados permitíronlle mesmo entrar en postos europeos ao longo desta tempada, pero agora e tras a lesión de Adrián Fernández, "quizá non chegan na súa mellor serie da tempada".
Independentemente diso, desde a entidade pontevedresa destacan que o Torrelavega é "un equipo moi compensado en todas as liñas" e terán que poñer especial atención nas transicións e contraataques directos polo que será importante "terminar as accións en ataque e replegar moi ben para non conceder goles rápidos".
O encontro poderá seguirse a través de LaLigaSportsTV.
O TEUCRO RECIBE O OAR CORUÑA
A falta de tres xornadas para a conclusión da tempada, a Sociedad Deportiva Teucro recibe este sábado ás 20:00 horas no Pavillón Municipal de Pontevedra ao segundo clasificado de Primeira Nacional, o OAR Coruña.
Os de Irene Vilaboa chegan á cita en décima posición con 25 puntos e un refacho de tres derrotas e dúas vitorias no últimos cinco enfrontamentos fronte ás cinco vitorias consecutivas dos de Coruña, polo que buscarán romper coa boa serie rival e finalizar a campaña da mellor forma posible.