Impulsan unha nova e mellorada edición da "academia" de pilotos +Talento Motor

Pontevedra
29 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:21

A Deputación de Pontevedra incrementa o orzamento na bolsa para pilotar no Campionato Galego de Rallys un coche ecolóxico rotulado coas cores da administración provincial

Luis López e Yago Martínez na presentación de +Talento Motor
Luis López e Yago Martínez na presentación de +Talento Motor / Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra incrementa o orzamento ata os 15.000 euros, 1.000 euros máis que o ano pasado, na bolsa para pilotar no Campionato Galego de Rallys un coche ecolóxico rotulado coas cores da administración provincial.

Trátase da segunda edición do programa +Talento Motor que este mércores presentou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, referíndose a ela como unha “academia de pilotos” de automobilismo.

O prazo de presentación de solicitudes abrirá este xoves 30 de xaneiro. Os interesados terán ata o 19 de febreiro para inscribirse nun programa que terá o día 23 a proba de selección en circuíto da que sairá o gañador.

Este recibirá como premio o patrocinio da Deputación para participar no Campionato Galego de Rallys ao volante dun coche para competir na Dacia Sandero Eco Cup, a categoría ecolóxica da principal competición de automobilismo de Galicia.

Nesta presentación Luis López estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez Troitiño; do piloto e responsable da escudaría AMF Motorsport, Alberto Meira; e do gañador da primeira edición deste certame, Yago Martínez e a súa copiloto, Melissa Lorenzo.

Presentación de +Talento Motor
Presentación de +Talento Motor a "academia" de pilotos

A Deputación vai reforzar o apoio aos pilotos principiantes da provincia que gañen a Copa Dacia Sandero Eco Cup. "O primeiro vai ser Yago Martínez, que vai estar na Copa Clío, e os que veñan despois terán a mesma oportunidade", anunciou o dirixente provincial.

O patrocinio da Deputación á participación na Copa Clío do Campionato Galego de Rallys pode conseguirse a través de dúas vías. En primeiro lugar, se o bolseiro do programa +Talento Motor consegue o triunfo na Copa Dacia Sandero Eco Cup terá asegurada a súa participación na tempada seguinte na Copa Clío.

Ademáis, se o triunfador desta categoría ecolóxica, malia non ter participado no +Talento Motor, cumpre os requisitos de ser pontevedrés, principiante e cunha idade comprendida entre os 18 e 24 anos poderá optar tamén ao patrocinio para competir na Copa Clío.

Este apoio garantido polo organismo provincial está valorado en 12.000 euros e servirá para "seguir impulsando a carreira dos pilotos máis prometedores da provincia".

Esta "academia de pilotos" é un programa pioneiro posto en marcha o pasado ano polo goberno provincial e que neste 2025 mantén a súa colaboración para facilitar a participación en cinco probas do Campionato Galego de Rallys: Rally Mariña Lucense, Rally de Pontevedra, Rally de Ferrol, Rally Comarca do Carballiño e Rally San Froilán.

Ademais, ofrece o patrocinio adicional de 12.000 euros para participar na categoría da Copa Clio do vindeiro ano se gaña a Copa Dacia Sandero.