O adestrador do Pontevedra Club de Fútbol, Yago Iglesias, defendeu este venres en rolda de prensa que a prioridade agora do seu equipo é "levantarse canto antes" tras o golpe da derrota sufrida ante o Ourense para conseguir un triunfo fronte ao RC Deportivo Fabril que permita apurar ao máximo as opcións de pelexar o primeiro posto e porque "a vitoria é o antídoto para todo".
"Imos afrontar esta xornada coa intención de gañar e ver o que pasa", asegura o técnico.
"Sempre que perdemos gañamos o seguinte partido. É o discurso que tivemos esta semana, que hai que levantarse rápido, hai que seguir gañando e coller boas sensacións para o que nos veña por diante", afirma Yago.
Iso pasa por gañar primeiro o domingo (12.00 horas) o Fabril en Abegondo e se o Ourense non tropeza "aproveitar estes dous últimos partidos para prepararnos".
En todo caso, afirma Iglesias, "non perdemos a esperanza" porque "no fútbol cada semana danse resultados que moitas veces non se pensan".
O adestrador granate defende iso si a tempada do seu equipo, e é que "me amola que a derrota pode tapar os grandes números desta tempada", que todo apunta serán mellores ás do ascendo de hai dous anos.
Yago fixo tamén autocrítica analizando o erros a balón parado e que "nos custaron puntos", explicando que "levamos varias xornadas analizándoo, incluso defendendo distinto, e ao final parece que canto máis tocas peor é".
Ademais en canto á pouca presenza sobre o céspede nas últimas xornadas de homes que no primeiro tramo da tempada foron indispensables, por exemplo Samu Mayo, o técnico avanzou que "para un posible play-off con partidos a 180 minutos imos necesitar a todos".
Yago Iglesias convocou a toda a plantiila para o duelo en Abegondo.