Coma se dunha novela por entregas se tratase. A convocatoria de Xunta Xeral de accionistas do Pontevedra vivirá un novo, esperemos que definitivo, episodio o venres na reunión que celebrará o Consello de Administración e na que se poñerá sobre a mesa a cantidade que será sometida a aprobación da devandita Xunta para ampliar o capital social, nesa manobra de "acordeón" (redución/ampliación de capital) necesaria para cumprir co plan de viabilidade da entidade.
Despois do baile de cifras que se vén manexando dende hai uns meses, parece terse alcanzado un acordo entre os actuais xestores e o accionista maioritario da entidade, Nino Mirón. As cantidades foron oscilando entre os 2.000.000 de euros que ao parecer se propoñían dende algúns sectores vinculados ao actual Consello, nun intento de propiciar a entrada de investidores sen determinar no club, ata os 150.000 euros que se pactaran máis recentemente co propio Mirón.
Non obstante, esta cifra de 150.000 euros, que en caso de cubrirse na súa totalidade deixaría reducida a maioría accionarial de Mirón ao 36% do novo capital social, considérase insuficiente para poder dotar ao club dunha capacidade de manobra que lle permita encarar o futuro con optimismo, o que, tras a reunión que o Consello celebrou o pasado luns, levou a negociar novamente co ex-presidente, intentando que se fixase en 700.000 euros a ampliación, co cal Mirón quedaría co 22% das accións totais.
O incumprimento duns pagamentos á Seguridade Social por parte do Pontevedra pode provocar o embargo dun inmoble propiedade de Mirón
Non obstante, algúns feitos que se veñen producindo non contribúen precisamente ao mellor entendemento entre as partes, especialmente a falta de explicacións recibidas polos representantes de Nino Mirón en canto á razón pola cal o Pontevedra deixou de facer fronte a uns pagamentos á Seguridade Social, avalados polo propio Nino Mirón, que poden provocar en breve o embargo dun inmoble propiedade do ex-presidente granate, así como a situación que viven futbolistas e empregados do club, sen cobrar dende mediados de novembro.
Aínda así, segundo puido saber PontevedraVivaNino Mirón, no seu desexo de non ser un obstáculo para a viabilidade do club, parece estar disposto a ceder novamente na súa intención inicial, aceptando que a ampliación de capital se sitúe entre os 300.000 e os 400.000 euros, o que na práctica significaría deixar a súa participación accionarial en torno ao 25% do capital.
En calquera caso, a reunión do Consello prevista para o venres pode resultar tensa e longa. Algúns conselleiros solicitarán explicacións a Mauricio Rodríguez sobre diversos aspectos, especialmente referidos á parte económica, ademais de esixir que se prepare a próxima Xunta de accionistas coa máxima transparencia, co fin de evitar o lamentable espectáculo protagonizado na anterior xunta, que rematou co primeiro dos anuncios de dimisión realizados polo actual Presidente e cun desagradable espectáculo de división entre a masa social e o Consello ou o seu Presidente.