Nerea Liste converteuse na cuarta renovación do Club Baloncesto Arxil para a tempada 2022/23.
Formada no Rosalía de Santiago, Liste chegou ao conxunto pontevedrés para converterse nunha das pezas importantes para Mayte Méndez, demostrando ser boa defensora, ter boa porcentaxe de tiro e caracterizarse pola súa calidade individual e de xogo colectivo.
Esta será a súa segunda campaña vestindo a camiseta verde, na que "achegará experiencia e será", xunto ás xa renovadas Forster e Díaz-Pache, "o núcleo duro do xogo interior do Arxil".
Aseguran desde o club que Liste "daranos equilibrio nun persoal moi renovado" e "seguirá coa gran progresión que leva como xogadora".
Para a 23, a renovación supón "ilusión e felicidade" e destaca o bo ambiente dentro do vestiario con "unha adestradora que confía na miña, compañeiras que son como as miñas irmás maiores e unha afección que o dá todo e entrégase en cada partido".
En canto aos seus obxectivos para a nova tempada, Nerea Liste espera "darlle ao equipo rebote tanto ofensivo como defensivo e dureza defensiva", e quere "meter máis tiros desde fóra da zona e mesmo algún triplo, é algo que xa empecei a traballar a tempada pasada e levo traballando este verán".
Na súa primeira campaña como xogadora do Arxil, Liste xogou case 25 minutos de media en 24 partidos de liga, con 7,9 puntos de media, 7,5 rebotes, cun 50,4% en tiros de campo e 73,2% en tiros libres. Destacou máis durante a fase de ascenso, xogando 31 minutos de media en 3 partidos cunha media de 12,7 puntos por partido e 6 rebotes por partido.