Nerea Liste comanda co MVP da xornada a un Arxil que empeza a carburar na Liga Feminina 2

Pontevedra
22 de novembro 2022

O conxunto pontevedrés encadea tres vitorias consecutivas e empeza a achegarse á zona nobre da táboa tras un comezo de curso irregular

Nerea Liste, no partido entre CB Arxil e Raca Granada no CTGD
Nerea Liste, no partido entre CB Arxil e Raca Granada no CTGD / Cristina Saiz

O Club Baloncesto Arxil empeza a coller o ritmo da Liga Feminina 2, despois dun irregular inicio de tempada.

O conxunto pontevedrés encadea tres vitorias consecutivas que lle achegaron á zona nobre da táboa clasificatoria, estando na quinta posición cun balance de 4-4.

Como reflexo desa melloría unha xogadora arxilista fíxose co MVP da xornada 8 de liga no Grupo A, na cómoda vitoria do seu equipo contra o Aridane (75-43). Trátase de Nerea Liste.

A representante do Arxil conseguiu 31 puntos de valoración nos seus 33 minutos en cancha grazas a 19 puntos, 9 rebotes e 4 roubos, con ata 9 faltas recibidas, sendo a máxima anotadora do seu equipo.

Na súa terceira tempada no equipo, Liste é unha peza clave no esquema de xogo de Mayte Méndez, promediando esta campaña ata a data 12,9 puntos e 6,3 rebotes por encontro.

Este recoñecemento premia unha melloría do Arxil que deberá seguir confirmando en próximas xornadas e tras unha semana de descanso, xa que non volverán xogar ata o día 3 de decembro, cando está prevista a visita a Pontevedra do Unicaja.