Natan Suárez asina co Cuenca horas despois de deixar o Teucro "por problemas familiares"

Pontevedra
14 de decembro 2018

O xogador catalán tardou pouco en atopar acomodo tras a súa desvinculación do conxunto teucrista, que xustificou a saída por "problemas familiares". Os azuis tamén perden a Dani Hernández e necesitan reforzarse

Natan Suárez, no partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal
Natan Suárez, no partido entre Teucro e Alcobendas no Municipal / Diego Torrado

Vive momentos convulsos a Sociedad Deportiva Teucro, no aspecto deportivo e tamén no extradeportivo.

Despois de anunciar a saída do equipo de Natan Suárez, por sorpresa e a piques de disputar un encontro en Benidorm, o central catalán tardou poucas horas en atopar acomodo na Liga Asobal.

Suárez asinou polo Cuenca, rival teucrista na máxima categoría, provocando certo malestar na contorna do equipo, que non entende o sucedido.

O Teucro xustificou a través dun breve comunicado que se lle daba a baixa federativa por "problemas familiares", un argumento que agora quedou en dúbida.

O que si é seguro é que a directiva da entidade pontevedresa afronta unhas semanas de intensa actividade co obxectivo de reforzar ao primeiro plantel, ante a saída do propio Natan e a esperada de Dani Hernández.