Foi unha tarde intensa. A volta aos adestramentos do Pontevedra tras o desastre da Laracha tivo moitas conversas pero pouco traballo deportivo. Tratábase de analizar a situación e estudar posibles solucións. A medida que ían chegando os xogadores palpábase a tensión no ambiente.
O corpo técnico sae do vestiario e queda nos chanzos da bancada, falando entre eles. Mentres, os xogadores no interior esperaban a chegada do presidente, José Manuel Fernández. Unha vez no recinto, o máximo mandatario, acompañado do director deportivo, Milo Abelleira, encerrouse co equipo. Por espazo de 15 minutos estivo a falar cos xogadores, aos que lles pediu implicación e entrega total, á vez que lles transmitiu a preocupación do consello pola marcha do equipo.
José Manuel Fernández quixo dar imaxe de serenidade ante os medios de comunicación, e mesmo falou brevemente para indicar que o técnico tiña o respaldo total do consello e que a súa continuidade non se cuestionaba. Pero algo debeu pasar no interior do vestiario nas reunións posteriores.
Porque tras a saída de presidente e director deportivo, os xogadores permaneceron no vestiario falando entre eles. Esa segunda reunión durou preto dos 30 minutos. Á súa conclusión solicitaron a presenza do adestrador e restantes membros do corpo técnico. Outros 15 minutos de charla tensa, tras os cales todos se dirixiron ao campo para realizar un adestramento moi lixeiro.
As caras reflectían seriedade. Aínda que ninguén quixo recoñecelo, e mesmo o capitán, Caco, falou en nome dos seus compañeiros recorrendo ao tópico de que o equipo está co seu adestrador, o certo é que a confianza entre xogadores e técnico parece terse quebrado de forma grave, especialmente molestos polas declaracións de Nando, xa repetidas en varias ocasións, nas que acusaba o equipo de falta de actitude tras algunha derrota como a do domingo.
Nando, pola súa banda, retirouse ao vestiario sen querer realizar comentario ningún. A resposta daraa o martes. Ás 10 da mañá reúnese nas oficinas de Pasarón con Milo Abelleira. Mentres, esta noite, consultará coa almofada a decisión a adoptar. Non haberá cesamento, iso parece seguro, pero en cambio é máis que probable que sexa o propio Nando quen abandone, presentando a súa dimisión.
Pola noite, o mesmo martes, o consello analizará a situación nunha reunión de traballo, así anúnciase, na que é de esperar que ademais da delicada situación deportiva, dunha vez por todas se dean a coñecer as contas do club da pasada tempada.