Na busca de xogadores sub-23 e con dúas (ou tres) fichas sénior dispoñibles

Pontevedra
14 de xullo 2022

A poucos días de iniciar a pretempada, o Pontevedra Club de Fútbol afronta un momento clave do mercado de fichaxes. Actualmente os granates contan con 18 futbolistas en nómina, só tres deles en idade sub-23

Toni Otero, director deportivo do Pontevedra
Toni Otero, director deportivo do Pontevedra

A poucos días de iniciar a pretempada, farao o vindeiro luns 18 de xullo, o Pontevedra Club de Fútbol afronta un momento clave do mercado.

Con só unha fichaxe confirmada ata a data, o do lateral Ángel Bastos, pero coa base do persoal que conseguiu o ascenso asegurada, Antonio Fernández conta actualmente con 18 futbolistas no plantel. Son polo menos os que contan con contrato en vigor.

Deles 15 xogadores ocupan praza sénior e só tres son de idade sub-23, concretamente Miguel Román, Martín Diz e Samu Santos. Pola súa banda os sénior con contrato son os gardametas Pablo Cacharrón e Álvaro Cortés, os defensores Churre, Seoane, Samu Araújo, David Soto, Pacheco e o fichado Bastos, o centrocampista Yelko Pino, os extremos Oier Calvillo, Álex González e Alberto Rubio e os atacantes Charles e Rufo.

Esta situación, coa opción aínda de que se produza algunha saída na liña defensiva, deixa á entidade granate actualmente con só dúas fichas sénior dispoñibles, que poderían ser tres no caso de incorporar a un terceiro porteiro levando o número total de fichas do plantel ás 24, segundo establece a normativa da Primeira RFEF.

Desta forma a procura de xogadores menores de 23 anos que ofrezan un alto nivel na categoría é un dos retos da dirección deportiva. Xa o avisaba na súa última comparecencia Toni Otero, afirmando que "non nos vale só co que temos na casa, hai que acertar cos sub-23", debido á esixencia que terá a próxima tempada.

REFORZAR O EIXO DA DEFENSA E O CENTRO DO CAMPO, PRIORIDADE

Entre as materias pendentes para o que queda de mercado de fichaxes o Pontevedra aparecen varias demarcacións como o eixo da defensa, que se quere reforzar cun central experimentado, preferentemente zurdo, que complemente á parella que o ano pasado formaron David Soto e Churre. Non se pode descartar ademais a chegada dalgún outro defensor. 

Outras liñas para reforzar son o centro do campo, cun futbolista que cubra a saída de Javi Rey e outro a de Romay, e os extremos, onde pode chegar tamén algunha incorporación.

Por outra banda a portería, coa posibilidade que ofrece o regulamento, non se pode dar como pechada a pesar de que os dous seteiros do pasado curso, Cacharrón e Álvaro Cortés, conten cun ano máis de contrato.