Música, comida e bebida para unha 'festa granate' previa ao Pontevedra-Ourense

Pontevedra
17 de abril 2024

O Pontevedra Club de Fútbol anunciou a organización dun evento previo ao encontro do próximo domingo 21 de abril fronte ao Ourense CF en Pasarón, e que arrincará ás 11.30 horas da mañá 

Afección do Pontevedra no Vero Boquete
Afección do Pontevedra no Vero Boquete /

O decisivo derbi entre Pontevedra Club de Fútbol e Ourense CF, co primeiro posto no aire, xogarase xa desde a mañá nos arredores do Estadio Municipal de Pasarón.

O club granate vén de anunciar a organización dunha festa con música, comida e bebida na previa do choque do próximo domingo 21 de abril.

Desta forma, e desde as 11.30 horas da mañá, os afeccionados do Pontevedra poderán acceder a unha carpa instalada xunto a bancada de Tribuna que contará con "DJ en directo, venda de churrasco e polbo e bebidas", sinala a entidade.

As actividades comezarán en todo caso xa o sábado 20 estando previsto que por unha banda os xogadores Álex González e Dalisson de Almeida e polo outro Rufo e Churre asinen autógrafos aos seguidores de 12.30 a 13.30 horas nas terrazas do Restaurante Boroa e do Hotel Virxe do Camiño respectivamente, onde se repartirán bandeiras do Pontevedra e tarxetas co himno do club.

Este último punto responde a outro dos obxectivos do club, conseguir que as bancadas de Pasarón sexan máis granates que nunca. De feito das canles oficiais do Pontevedra pediron aos seus afeccionados acudir ao choque vestidos de granate e portando se é posible bufanda ou bandeira, así como acompañar ao canto do himno no minuto 41 de xogo tal e como vén facendo a bancada de animación ao longo desta tempada deixando imaxes como as vividas a pasada xornada en Santiago de Compostela.