Pontevedra acelera a conta atrás cara ao Mundial Multideporte de Tríatlon que por segunda vez acollerá a Boa Vila.
O Concello de Pontevedra acolleu este martes unha reunión do Comité Organizador do gran evento deportivo, que se celebrará entre o 20 e o 29 de xuño cos campionatos do Mundo de até seis modalidades deportivas (dúatlon, acuatlón, aquabike, tríatlon de longa distancia, tríatlon cros e dúatlon cros).
Na mesma o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, avanzou que o orzamento do Mundial Multideporte estará "ao redor de 2.900.000 euros", a falta de ultimar pequenos detallles.
Desa cifra "hai unha parte importante, sobre o 25%, que veñen das tarifas dos triatletas que compiten", aínda que a maior achega será a da administración local.
"O Concello fai un esforzo grandísimo. Estamos por riba dos 860.000 euros", confirma Lores.
A iso sumaranse achegas da Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia e tamén patrocinadores privados.

Trátase dun aumento importante con respecto á edición de 2019, que tamén organizou Pontevedra, e cuxo orzamento se fixaba entón ao redor dos 1,3 millóns, aínda que nesta ocasión o evento creceu en magnitude con máis probas deportivas.
No que respecta á participación, "as previsións son duns 4.000 deportistas e de ao redor de 12.000 visitantes", explicou na súa intervención o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo.
O presidente federativo comparou o impacto deste evento coa Gran Final das Series Mundiais que se celebrará tamén en Pontevedra en 2026 e que segundo unha auditoría da Federación "el año pasado dejó un impacto de 44 millones de euros en Torremolinos".
Ademais do alcalde e presidente da Federación Española, na reunión celebrada no Concello de Pontevedra participaron, entre outros, o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, e o vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez.