Son coñecidos como o Gran Mestre David Lariño e como o Mestre Fide Julio Suárez e este venres 15 mostraron as súas habilidades movendo pezas sobre os taboleiros de xadrez na exhibición de partidas simultáneas, organizada pola Escola Xadrez Pontevedra, que se desenvolveu na Praza de Santa María.
David Lariño, de 25 anos e natural de Muros, foi Campión de España por idades en todas as categorías, incluíndo o título de Campión de España Absoluto. Trátase dun dos xogadores galegos máis fortes do momento e un dos poucos co título de Gran Mestre, que é o título de maior nivel deportivo e prestixio que outorga a Federación Internacional de Xadrez.
O mozo Julio Suárez Gómez, de 15 anos, é un xogador do Club Xadrez Fontecarmoa que se converteu na maior promesa do xadrez galego. E dende a Escola Xadrez Pontevedra entenden que, malia a súa curta idade, conseguirá no futuro o título de Gran Mestre. Colgouse catro medallas nos Campionatos de España por idades, dous como campión de España sub 18 de partidas lentas e campión sub 16 de partidas rápidas, e dous terceiros postos no Campionato sub 16 de partidas lentas e no sub 18 de partidas rápidas.
Un importante número de afeccionados ao xadrez achegáronse ata a zona para comprobar o desenvolvemento das partidas.