Montse Tomé quéixase do céspede de Pasarón: "O campo non estaba ben, non é unha escusa"

Pontevedra
02 de decembro 2023

A seleccionadora nacional non quixo escudarse niso para xustificar a derrota de España, pero lamentouse da herba do Estadio Municipal de Pasarón asegurando que "o campo estaba bastante esvaradío"

Montse Tomé, no partido da Liga de Nacións entre España e Italia en Pasarón
Montse Tomé, no partido da Liga de Nacións entre España e Italia en Pasarón /

Dous temas destacaron na rolda de prensa ofrecida pola seleccionadora española, Montse Tomé, tras a derrota do combinado nacional fronte a Italia en Pontevedra. Un foi o malentendido xerado cos cambios no descanso, e que fixeron á Selección comezar o segundo tempo cunha xogadora menos sobre o campo, e outra precisamente o estado do céspede do Estadio Municipal de Pasarón.

"O campo non estaba ben, non é unha escusa, tratamos de dicir que ata iso ímolo a superar pero non o conseguimos", sinalou Tomé ante os medios de comunicación sen querer xustificar o resultado niso.

"Na primeira parte o campo estaba bastante esvaradío", salientou na súa análise como unha das causas de que "non tivemos moita pegada arriba", aínda que "na segunda parte tivemos máis ocasións e o equipo tentouno ata o final".

En canto á outra polémica do encontro, a situación xerada cos cambios ao comezo do segundo tempo, coincidindo co empate de Italia que se produciu con España xogando aínda con 10, a seleccionadora explicou que se debeu a que "Aitana avísanos con pouco tempo que non pode continuar. Non temos tempo para que Esther poida quentar e estar no partido e por iso iniciamos a segunda parte cunha xogadora menos".

A adestradora española afirmou en todo caso que a súa primeira derrota no cargo "é unha aprendizaxe" ante unha Italia que "sabiamos que era un rival forte, que a nivel defensivo ía estar intenso", aínda que queda con que "un dos obxectivos desta concentración era pasar a semifinais e conseguímolo".

Montse Tomé referiuse ademais na súa comparecencia a Tere Abelleira, e é que "hoxe estabamos na súa casa e comenteino na charla, que ía ser un día moi especial para ela".